domingo, 29 de junio de 2014

A PERDA

Nalgún punto  desta noite
desapareceume un soño.
Era cálido,
fermoso,
ti estabas  polo medio.
Tentado estou de preguntar
na oficina de desexos perdidos.

                                               Do libro "Territorios estraños"

sábado, 21 de junio de 2014

TOCANDO FONDO


Estes ollos
que tentan descifrar o mañá cando
nin  sequera os espellos devolven a mirada.
Esta boca
que nos momentos importantes 
xamais atopa as verbas axeitadas.
Estes pulmóns
abafados polo recordo
do fume de tantos cigarros negros.
Este fígado
que encaixa mal os golpes baixos da vida
e ben os licores altos de graduación.
Estas mans
que escriben a crónica dos perdedores
coa tinta gastada que deixan as derrotas.
Estas pernas
que se obstinan en seguir pegadas
que dan rodeos para chegar a ningures.
Este corazón
canso, cun contaquilómetros trucado
nun taller de dubidosa  reputación.
                                                             Do libro "Territorios estraños"

lunes, 9 de junio de 2014

CÍRCULOS VICIOSOS



A vella pitonisa descifra nas cartas sagradas
o tumultuoso futuro do cabo furriel.
O cabo furriel entra nun bar
e pide un chupito mentres
mira de esguello  á rapaza loura  
recostada ó fondo do mostrador.
A rapaza loura de tacón alto
garda o móbil no bolso e sae
abrazada ó seu mozo.
O mozo despídese sen moito interese
e antes de subir á Yamaha espanta o can
que ulisca no vertedoiro do lixo.
O can escapa  rúa abaixo
e líbrase por pouco das gadoupas
do autobús da liña 8 que pasa fungando.
Ó conductor do autobús da liña 8
gústalle derrapar nas curvas
e frea con desgana ante o paso de peóns
mentres pasa de vagar a muller preñada.
A muller preñada camiña pachorrenta
pola beirarrúa, olla os escaparates,
detense diante dun portal
e despois duns intres de dúbida
pulsa o timbre da vella pitonisa
que está a piques de descifrar
nas cartas sagradas
o tumultuoso futuro do cabo furriel.


Do libro “Territorios estraños”