martes, 25 de agosto de 2009

ATARDECER EN SAMIL


As lolitas postmodernas presumen de moreno raios uva, os homes esconden as barrigas cervexeiras e unha racha de vento esfarela un castelo de area que tres rapaces se empeñan en levantar con mais obstinación que maña.
Hai labirintos que son como dianas e toallas portuguesas nas que descansan as personaxes de Stieg Larsson.
Voan os paxaros nun atardecer de deuses xogando a ser mais altos no ceo, cun fondo de azul marino e illas Cíes.
Alleos a todo unha parella cómese a bicos, dous corpos que loitan por ser un só no mapa avaricioso da paixón.
E agradécese que alguén tararee Moning for notting entre tanto Baute, tanta Marta Sánchez e tanto reggaeton.
Hai patinadoras no paseo, cans sen dono aparente, familias ourensáns con merenda campestre, compulsivos comedores de xelados, vendedores subsaharianos, veraneantes andaluces, adolescentes facendo o pino, peitos a recacha, camisetas de CR9, tatuaxes multicores, chancletas abandonadas, nadadores patosos, ocasionais practicantes de footing, e unha señora esturruxada que lareta polo móbil un diálogo absurdo e intranscendente a xogo con este verán que non remata de estabilizarse.

miércoles, 5 de agosto de 2009

MARILYN


Houbo un tempo no que o mundo xiraba o redor do lunar que Marilyn tiña na meixela esquerda; nunca un punto tan pequerrecho exerceu tanta fascinación.
Daquela Os cabaleiros preferíanas rubias e esa nena que algunha vez fora Norma Jean e agora era (e xa para sempre) a diva Marilyn deixábase querer Con faldras e o tolo.
Atrás quedaba un pasado escuro, unha familia rota (nai alcohólica, esquizofrénica, pai descoñecido), un camiño de casas de adopción, demasiada Néboa na alma. A infancia non a tratou ben pero a cambio os anos déronlle unhas medidas de infarto, unha sensualidade explosiva, unha beleza sideral. O que empezou como o soño erótico dos camioneiros americanos que levaban a súa foto pendurada na cabina, rematou sendo un dos mais grandes iconos do século XX.
Ela que sabía Como casarse con un millonario casouse cun empregado irlandés, cun xogador de béisbol e cun escritor, e os tres matrimonios foron un fracaso. Din que con 8 anos o caseiro quixo violala (porque ese bruto xa intuía daquela que A tentación vive arriba) e que ese feito traumatizouna de por vida. Demasiados homes sen escrúpulos percorreron a súa pel e deixaron lascivia e cicatrices sen curar nesa rubia desvalida.
Cando en 1953 puxo as súas pegadas no cemento da entrada de Hollywood Boulevard quizais pensou que as Luces das candeas que a rodeaban taparían as feridas desa Vida rebelde, desa adolescencia desgarrada e triste. Pero o pasado non é un Río sen retorno, nunca se vai de todo, e A xungla de asfalto e de glamour non puido facer esquecer os anos grises que volvían como un Niágara violento, como unha fervenza atronadora.
“Non quero que me comprendan. Quero que me queiran”, dixo nunha ocasión. Quizais por eso pese a fama, o diñeiro, a admiración, as amizades famosas, os coqueteos Jhon F. Kennedy (O príncipe e a corista fronte a fronte), pese a ter o mundo os seus pes, Marilyn seguía sendo unha nena fráxil e desamparada, cada vez mais perdida nos remuíños da depresión, cada vez mais dependente dos barbitúricos nas súas crises emocionais.
Ata esa madrugada na súa casa de Brentwood, o 5 de agosto de 1962, en que lle sorriu o Nembutal e se deixou ir, espida e soa, e cun teléfono descolgado balanceándose inutilmente o lado da cama, o derradeiro intento dunha chamada de socorro que ninguén chegou a escoitar.




Algúns falaron de asasinato, de conspiración: demasiadas incógnitas que descifrar nesa noite, unha autopsia con moitos puntos escuros, o FBI borrando as cintas das súas chamadas telefónicas, o clan Kennedy polo medio, todos moi interesados en botarlle terra o asunto canto antes. O halo de misterio non fixo senón engrandecer a súa figura.

Estas fotos foron tomadas polo fotógrafo Bert Stern poucos días antes da morte da actriz. Nelas sae con ese costurón, resultado dunha recente operación de vesícula. Xamais Marilyn, a deusa, ofrecera unha imaxe mais a ras de terra, mais tenra, mais humana.
.