viernes, 28 de marzo de 2008

AUSENCIA

Demasiado tempo na corda frouxa
facendo equilibrios entre a escuridade.
Sarabia con forza e os berros
estalan sempre mais cerca;
coitelos afiados no medio das ruínas,
o xabre esmagando as camelias
que con agarimo vimos medrar.
A esperanza, o desexo,
son curtos intervalos de tempo.
Esa foto, os bicos de media noite,
a cama compartida, aquela luz,
están nese lugar
onde xa nada ten sentido
e que por eso descoñecemos.
Non direi en voz alta o teu nome
nin o que sinto agora.
Ficarei só e calado
asomado a bufarda da tristura,
á beira destes días de estrañeza,
á beira dun leito baleiro e insomne
e un faiado onde se agochan medos antigos,
á beira de estrelas con resaca
nesta república da noite,
peneirando un curso de amor a distancia
que nunca fun quen de superar.

martes, 18 de marzo de 2008

POLBOS CON OVNIS


Este domingo no Alto do Faro, na estrada que vai de Rodeiro a Chantada, atopei este curioso letreiro, que parece dedicado os amantes dos ovnis e os que gustan dos cefalópodos como prato culinario.

miércoles, 12 de marzo de 2008

TEMPESTADE

Alguén soña, na beira das augas, historias imposibles que repousan na area que as gaivotas percorren con sandalias de escuma. Un neno agochado entre as rochas; os pescadores sempre rozando a traxedia; o porto na espreita tensa do retorno. No fondo do arrecife os peixes dormen boca abaixo compartindo a sal, que todo o invade, cos tesouros de perlas. O mar escacha contra os cantís, un mar de eternidade e furia bate os cons, asolagándoos. As barcas semellan fráxiles paxariños no medio da tempestade, os diques son presa fácil para ondas de 13 metros e Neptuno sentado no peirao sorrí retranqueiro mentres olla cara os seus dominios embravecidos. Dende as regandixas que o tempo deixa abertas, vexo como o remuíño do Maelstrom vai chapando dornas, falúas, trinquetes, cordas, toneis, nun black hole vertixinoso que se afasta, que se afasta, que se afasta, o compás do ring-ring dun espertador color gris metalizado.

jueves, 6 de marzo de 2008

ESPAÑA, APARTA DE MIN ESTE CALIZ


No primeiro debate televisivo o Sr. Rajoy non sabía o que era un bonobús. No segundo, cando Zapatero dixo que España firmara acordos para a repatriación de inmigrantes cunha decena de países africanos, Rajoy pregúntalle: “¿Una decena son diez?” Parece que non estaba seguro e Zapatero tivo que decirlle que si, que eran dez.
Agora entendo porque os do PP din que hai que reformar o sistema educativo. Obviamente, con Rajoy non funcionou.
E si a esto engadimos que nalgúns asuntos se deixa asesorar polo seu primo (o do cambio climático) apaga e vámonos.
De vista tampouco anda moi ben e non o digo polas gafas. Lembrarédesvos de canto confundiu con “hilillos de plastilina” o regueiro negro e noxento que saía do Prestige.
Do insulto permanente como forma de facer oposición, do pesimismo exacerbado, da mentira, da xenofobia, do recorte de libertades, do desprezo polas institucións democráticas, de “ se rompe España”, do odio os nacionalismos, da utilización partidista e repugnante do terrorismo, de todos estes feitos, que son a súa alforxa política o longo destes últimos anos, case mellor non falar.
Que o domingo os votos nos libren deste elemento retrógrado e perigoso no poder. Amén.