lunes, 17 de diciembre de 2007

MEME MUSICAL

W. Sobchak convidoume a escribir un meme cos 10 mellores discos da historia. Tarefa esta moi difícil senón imposible. Para que sexa mais doada a elección vou a centrarme nun período, na década dos oitenta, a época dourada da música nacional. Nada foi igual dende entón, nin se repetiu a eclosión musical e talentosa de grupos e artistas que agromaron naquel momento: cantautores, movida madrileña, rock radical vasco, heavy, punk, movida galega, etc.
Nomeo, pois, algúns dos solistas e grupos que me gustan desa época relacionándoos con un disco deles. Por suposto que hai ausencias destacadas pero 10 é un número finito e os que están si que son.



JOAQUÍN SABINA: Malas compañías, 1980.
Cantautor urbano por excelencia compuxo algunhas das mellores letras das tres últimas décadas. Cantante, letrista, poeta, crápula, animal nocturno de verbo fácil, caveira, transgresor, republicano, amigo do toreo, da nicotina e das noites nas que lle levanta as faldras á lúa. Dende logo que non é o seu mellor disco pero nel están dúas cancións imprescindibles: “Pongamos que hablo de Madrid” e a impresionante e opresiva “Calle melancolía”.


LEÑO: Corre, corre, 1982.
Foi no ano 77 cando Rosendo, cansado das excentricidades de José Carlos Molina, deixou Ñú e con Ramiro Penas e Chiqui Mariscal (que pronto abandonaría entrando no seu posto Toni Urbano) forma Leño. Uns anos despois eran o grupo de rock con mais carisma do territorio nacional.
No 83 despois do final da xira “El rock de una noche de verano” de Miguel Rios (na que participou xunto cunha rockera que empezaba, Luz Casal) Leño desfíxose cando estaban no mellor momento da súa carreira. Atrás quedaban 3 discos, 1 directo, e 7 ou 8 singles. E empezou a lenda.


MIGUEL RIOS: Rock and Rios, 1982.
Situou o rockero de Granada no cumio da súa carreira. O rock en España non se podería entender sen a aportación deste andaluz universal.
Un máxico e electrizante inicio con “Bienvenidos”, cancións míticas como “Himno a la alegría” ou “El río”, baladas como “El blues del autobús”, bon acompañamento con un fenomenal Sergio Castillo a batería, ou as guitarras de García de Diego, Jhon Parsons e Salvador Domínguez, fan deste doble Lp posiblemente o directo mais importante da historia do rock español.


ILEGALES: Ilegales, 1982.
O rock asturiano irrompeu con forza no territorio nacional con esta banda liderada por Jorge Martínez e que amosa o seu mellor esplendor nos directos, letras ácidas, guitarras potentes e cun Jorge en plan gurú irreverente criticando entre canción e canción todo o que se move.
Tanto neste álbum como no seguinte “Agotados de esperar el fin” atópanse as cancións mais emblemáticas da banda.




SINIESTRO TOTAL: Menos mal que nos queda Portugal, 1984.
Como non lembrarse deste grupo vigués de punk-rock que liderado por Xulián Hernández e Coppini, con letras divertidas, cachondas e ata surrealistas agromou como un sopro de aire fresco no panorama musical galego.
Este é o seu terceiro disco, atrás quedaba un xenial "¿Cuando se come aquí?" do 82, e "Siniestro Total II: El regreso" do 83, que me parece algo inferior os outros.



BARÓN ROJO: Barón al rojo vivo, 1984.
Liderado polos irmáns De Castro o mellor grupo de heavy metal hispano publica esta dobre LP en directo (como colofón os tres exitosos discos anteriores). Cancións como “Campo de concentración”, “Tierra de vándalos”, “Los rockeros van al infierno”, “Con botas sucias”, son himnos para as hordas heavys.




RADIO FUTURA: La ley del desierto, la ley del mar, 1984.
Son os máximos exponentes do rock latino, un grupo que explorou novos horizontes e novos sons que despois outros copiarían. Para min este é posiblemente o seu mellor traballo cunha presada de moi boas cancións entre as que destacan “Escuela de calor” e “Semilla negra”.




LA POLLA RECORDS: Revolución, 1985.
Dentro do chamado rock radical vasco La Polla Records é un dos grupos mais representativos, xunto con Hertzainak, Kortatu, Cicatriz e Eskorbuto.
Alimentándose sobre todo do punk (grupos como Sex Pistols ou The Clash) as súas letras (tanto as deste disco como as do anterior, Salve) son auténticos puñetazos nos fociños, e amosan o desencanto dunha xuventude vasca inmersa no paro, na marxinalidade e na droga. Crítica directa o estado, a igrexa, a policía, en definitiva o sistema. Todo eso con altas doses de ironía e sentido común.


ROSENDO: Loco por incordiar, 1985.
Rematada a historia de Leño, Rosendo inicia no 85 a súa carreira en solitario con este LP que contén pezas tan memorables como “Agradecido”, “Loco por incordiar”, “ Pan de higo”. Rock guitarreiro e contundente, voz rota e augardentosa, a sinxeleza por bandeira, carisma e honestidade enriba dun escenario.
Pasou o tempo e Rosendo segue a ser un referente indiscutible do rock urbano, fiel os seus principios. “Nunca he seguido las modas, el rock and roll no las necesita”, dixo nunha ocasión.


EL ÚLTIMO DE LA FILA: Enemigos de lo ajeno, 1986.
Co seu pop-rock con toques sureños e flamencos, e unhas letras cheas de lirismo e poesía onde non falta a carga e a denuncia social, este dúo (Manolo Garcia e Quimi Portet) convértese nun dos fenómenos musicais mais importantes da década.
O éxito que xa tiveran con primeiro LP “Cuando la pobreza entra por la puerta, el amor salta por la véntana”, confírmase neste e continuou imparable nos seguintes traballos.

Ben W. Sobchak, traballo cumprido, con bastante atraso todo hai que dicilo.
Non lle vou pasar o encargo a ninguén pero si queredes podedes elixir un disco, grupo ou solista nacional desa época que sexa o voso favorito.
Será interesante ver por onde van os tiros.



*Unha hora mais tarde: Cambiei de opinión, vou convidar a Silvana. Que se fastidie.

lunes, 10 de diciembre de 2007

DE CUMPLEANOS


En novembro do 2006 quen esto escribe estaba de baixa laboral: problemas de lumbalxia. Así que dediquei parte do moito tempo libre que tiña a fedellar pola rede e descubrín o blogomillo. Primeiro fíxome gracia o nome, despois fisguei polos blogs. A maioría deixábame indiferente pero algún que outro debía ter algo especial porque me sorprendía volvendo a el o día seguinte e relendo post xa coñecidos.
Lembro que Moralla (hoxe desaparecido) foi o primeiro blog que anotei como interesante. Despois foron aparecendo outros: O niño do moucho, Cómputo de fantasmas, Outras lerias, De Pantón a Compostela ....
Case sen darme conta tiña xa dúas ducias de bitácoras que visitaba a cotío e case sen darme conta atopeime intentando deseñar o meu primeiro blog. A idea era escribir sobre fútbol, mais que nada para poñer a parir os árbitros. Non me debeu satisfacer moito porque pecheino os 10 días.
Despois de outro intento errado, o 8 de decembro surxe A cova do Raposo.
O que inicialmente ía ser un espacio para poesía converteuse co paso de tempo nunha cova na que ten cabida case todo, seguindo a máxima de: diversifica a inversión para reducir o risco.
O que inicialmente ía ser cousa de 3 ou 4 meses foise alargando no tempo sen saber moi ben como e encóntrome agora (eu que non gusto destas celebracións) festexando a miña maneira ( e con dous días de atraso porque nunca me lembro destas datas) este primeiro ano de vida.
63 post: xa sei, non son moitos pero esta loucura non da para mais; algúns deles ademais perfectamente prescindibles pero como dixo José Carlos Beltrán: “Nada se ha escrito para el olvido”. Facendo estadísticas comprobo que me deixastes case 900 comentarios (que se agradecen), moitos deles moi reflexivos e atinados (que se agradecen aínda mais).
Para sorpresa miña decátome da fidelidade de algúns-as que aportaron mais de 30 comentarios: estou pensando un rifar entre eles un apartamento en Torrevieja, Alicante (lin a semana pasada que este era un dos premios que daba aquel mítico concurso de TV dos anos setenta: Un, Dos, Tres).
Ben, amigos e amigas, gracias por visitar esta cova, que xa é a vosa; por deixar comentarios ou non deixalos; polos ánimos e os eloxios, e polas críticas que tamén as houbo; por compartir este medio cada vez mais vivo.
Non sei canto tempo aguantarei nin se chegará un segundo aniversario, pero mentres tanto o Raposo, desde estes montes galaicos, saúdavos agarimosamente.

(E todo por unha lumbalxia).

martes, 4 de diciembre de 2007

ENTRE AS RUÍNAS



“O día despois,
un sobrevivente,
calquera cidade”.
.
.
.
.
Entre as ruínas
só puido respirar cinsa negra
que desfacía as distancias
e queimaba nos pulmóns.
Entre as ruínas
lembrou as verbas metálicas
das derradeiras meigas urbanas
que profetizaron a desfeita.
Entre as ruínas
seguiu pegadas de sangue
ata rañaceos derrubados
á beira do abismo.
Entre as ruínas
atopou sumidoiros radioactivos
que levaban o medo nas veas
e un cheiro a morte insoportable.
Entre as ruínas
sentiu o calafrío dos seus propios pasos
resoando no chan ferido
e tivo que berrar para non saberse tan só.
Entre as ruínas
lamentou ter nacido,
e, no medio de escuras maldicións,
preto xa do delirio e a agonía
púxose a trousar a pouca esperanza que lle quedaba.